Menu

A+ A A-

Xornada de hortas abertas

Ven ó Ulla Tambre Mandeo a coñecer ó Teu Horticultor Ideal. Visita as nosas hortas o día 31 de agosto nunha xornada que o Grupo de Desenvolvemento Rural está organizando para ti.

O Grupo de Desenvolvemento Rural Ulla Tambre Mandeo é unha asociación sen ánimo de lucro que xestiona o Programa de Axudas Europeo Leader, que ten entre os seus obxectivos potenciar os produtos con valor engadido local no seu territorio: Comarca de Melide (Melide, Santiso, Toques e Sobrado), Comarca de Arzúa (Arzúa, Touro, O Pino, Boimorto), Curtis e Vilasantar.

Dentro deste territorio hai unha gran variedade en produtos agroalimentarios de calidade, e por iso querémoste invitar a descubrilos. Ademais, varias empresas lideradas pola Cooperativa Melisanto, puxeron en marcha o ano pasado unha iniciativa de venda a domicilio dos seus produtos na Coruña. Por correo electrónico ofrecen como produto estrela as verduras e hortalizas dos horticultores e horticultoras locais, pero tamén queixo Arzúa-Ulloa, mel, ricos, amendoados, melindres, marmeladas, setas, embutidos e polos de curral. Por iso queremos que tódalas persoas da Coruña descubran estes produtos in situ e coñezan as nosas hortas, das que nos sentimos especialmente orgullosas.

Vives na Coruña? Gústache comer ben? Valoras a calidade e o comercio de proximidade?

Se é así queremos que esteas con nós o sábado 31 de agosto. Saímos da Coruña ás 10 da mañá cara Sobrado dos Monxes, onde visitaremos unha granxa extensiva de porcos, Aldea de Barrio, proxecto financiado polo Leader. E iremos tamén á Casa do Queixo de Grixalba, casa-museo onde nos explicarán brevemente as características e tradición do queixo D.O.P. Arzúa Ulloa. Tras esta parada nos diriximos cara o concello de Santiso, para coñecer as mellores hortas da comarca de Melide, alí un técnico de Melisanto nos explicará o proceso e características das verduras e hortalizas que se cultivan na zona.

Ó mediodía terás tempo libre para comer e pasear por Melide, unha bonita vila, capital de comarca, onde che recomendamos visitar a igrexa de San Roque, o cruceiro máis antigo de Galicia, segundo As Cruces de Pedra de Galiza, de Castelao ou o museo etnográfico.

Xa no camiño de volta a Coruña faremos unha parada na horta da Sociedade Agraria de Transformación (SAT) Fungocerga, especializada en froitos do bosque, setas silvestres e cultivo de shiitake.

Tras este intenso e saboroso día, volvemos a casa sobre as oito e… a pedir as túas verduras por internet.

Para inscribirte á Xornada de Hortas Abertas chama canto antes ó Grupo de Desenvolvemento Rural: 981.511.377 ou envíanos un correo cos teus datos: nome, dirección e teléfono a Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo. Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo. . Temos 50 prazas nada máis!